xornadas cerámica lugo Xornadas Internacionais de Cerámica Antiga no Noroeste Peninsular
parallax background

 

LUGO TURISMO

Lugo, destino turístico:
Fundada polos romanos co nome de Lucus Augusti, a cidade de Lugo atesoura máis de dous mil anos de historia e patrimonio. A Muralla Romana é a mellor testemuña da súa evolución, pois dende que foi erixida perdurou inquebrantable ao longo dos séculos, converténdose no símbolo por excelencia desta capital galega. Ademais da muralla, son moitos os atractivos de Lugo, que merece uns días para perderse nas súas rúas. Ven con tempo e coñece todos os seus encantos: os seus monumentos, a súa gastronomía, a súa natureza, a súa xente.

Lugo, cidade histórica e acolledora
Máis de dous mil anos de historia dan para moito. Por iso, visitar Lugo convértese nunha viaxe ao pasado e require empregar un tempo para descubrir con calma todos os recantos que esconde esta máxica cidade bimilenaria. Un dos praceres que descobre o viaxeiro que se deixa namorar pola capital amurallada é o de esquecer as présas. Lugo ofrece o engado das cidades nas que o tempo parece deterse, e o visitante pódese entregar ao luxo de pasear sen rumbo polas súas apracibles rúas e descubrir sosegadamente os seus mil e un recantos engaiolantes.

E se algo caracteriza Lugo é a extraordinaria hospitalidade con que acolle os seus visitantes: a muralla romana ten sempre as portas abertas. Lugo presume orgullosa da única muralla romana do mundo que conserva íntegro o seu perímetro, e que se converteu en emblema da cidade sobre todo dende que no ano 2000 a Unesco a declarou Monumento Patrimonio da Humanidade. Cando descobre estes muros, o viaxeiro non deixa de sentirse abraiado pola beleza sólida e serena desta construción defensiva, e ao percorrer as súas pedras coa ollada pode percibir o paso da historia. A sorpresa medra cando sobe ao adarve da muralla a percorre os seus máis de dous quilómetros de perímetro. Ao descubrir dende o alto da muralla as cores da campía lucense, os lousados e as chemineas do casco antigo e as soberbias torres da catedral, o tempo parece deterse. E nada máis romántico para os namorados ca un paseo pola muralla baixo o ceo estrelecido. O silencio da noite e das pedras foi cómplice de xeracións e xeracións de lucenses que, baixo a lúa, gozaron deste paseo único no mundo.

Histórica, monumental, gastronómica... O viaxeiro que chega a Lugo atopa unha cidade cun engado especial pola beleza da súa muralla, do seu casco histórico e do paso do río Miño. A lembranza que perdurará na súa memoria é a dunha cidade acolledora onde ninguén é estraño e que sempre ten as súas portas abertas.

Lugo Monumental
A muralla é a peza estrela dun rico patrimonio histórico e artístico que Lugo atesourou ao longo destes dous mil anos de existencia. Entre outros tesouros, Lugo conta no seu legado con importantes vestixios medievais, coma a catedral e o burgo vello, ou barrocos, como algúns dos edificios máis fermosos da cidade. Para difundir este legado, Lugo conta cunha rede de Centros de Interpretación especializados no patrimonio arqueolóxico, herdado fundamentalmente da época romana. A oferta cultural complétase co Museo Provincial, situado no antigo convento de San Francisco, e cunha coidada programación cultural que desenvolve o Concello de Lugo ao longo de todo o ano.


ESTABLECEMENTOS SINGULARES


CORDELERÍA PÉREZ CARRO

Rúa San Pedro, 66
982 887 655

Coñecida polos lucenses como "a tenda dos Maragatos", foi aberta hai máis de 130 anos por Tomás Pérez Carro. En tempos o acceso á tenda era polo Campo Castelo, pero no seu día, con motivo da traída de auga corrente ás casas, cambiou de lado para situarse definitivamente na rúa de San Pedro. Antigamente, ademais do que é propio dunha cordeleiría, vendíanse tamén apeiros de labranza, botas para pisar o viño, garrafóns, bozos, cordas de esparto... que se usaban para traballar co gando. Este establecemento tamén é coñecido pola venda de queixos que eles mesmos curan.



PARAUGUERÍA LUCENSE

Rúa San Pedro, 18
982 224 157

Na súa orixe foi unha fábrica de paraugas chamada "El Bom", ata que o empresario coruñés Juan Suárez Gutiérrez viuse obrigado a pechala en 1907 debido ás perdas e posterior embargo. O actual dono, que traballaba como empregado, fíxose cargo do negocio. Ademais da venda de paraugas (conta cun stock de 25.000 paraugas de todo tipo e prezo), tamén se encarga da súa reparación.



CONFEITERÍA MADARRO

Rúa Raíña, 13
982 229 714 www.madarro.net

Fundada en 1891 por Alejo Madarro, mantén a disposición de proveedor da Casa Real concedida por orde de Alfonso XIII. Conserva o encanto da época, casi inalterable. Cabe destacar os frescos no teito feitos en 1904 por A. Dalmonte, de orixe italiana. Destaca a elaboración totalmente artesanal dos seus produtos, así como as súas especialidades, entre as que se encontran as cañas, as coroas de améndoa e as pastas de té.


SOMBREIRARÍA DA COSTA CAMPOS

Rúa Conde Pallares, 9
982 230 829

Trátase do único comercio da cidade que se dedica á venda exclusiva de sombreiros. É un negocio familiar con máis de 80 anos de antigüidade que chegou ata os nosos días xeración tras xeración. Antigamente fabricaban eles mesmos os sombreiros e mesmo conservan na tenda o mecanismo artesanal para facelos, unha auténtica peza de museo. Hoxe en día, os sombreiros chegan á tenda dende distintas partes do mundo: Italia, Francia, Inglaterra, Estados Unidos, Polonia, Bélxica... En resumo, ofrecen un amplo catálogo de modelos de gran calidade.


CONFEITERÍA CONDE

Rúa San Marcos, 7
982 241 018

Fundada no 1938 polo aragonés Agustín Conde, foi pasando de xeración en xeración ata os nosos días, estando rexentada na actualidade pola viúva do fillo do fundador, Amparo del Río. As súas especialidades son as milfollas e os caprichos de milfollas, elaboradas seguindo unha receita segreda que ideou o fundador. Conta ademais cun salón de té.


LA SUCURSAL

Rúa San Marcos, 2
982 241 454
lasucursalvinosygourmet@gmail.com
www.lasucursalvinoteca.es

Establecemento especializado en viños e licores que leva activo no centro de Lugo dende 1940. Ofrece ademais xamóns, queixos e outros produtos delicatessen.


FARMACIA CENTRAL

Rúa San Pedro, 2
982 227 559
www.farmaciacentrallugo.es

Foi fundada en 1912 por Don Manuel Figueroa y Barros, farmacéutico licenciado pola Universidade de Santiago. Converteuse nun referente da provincia, o que lle permitiu acometer melloras no edificio e darlle o seu actual aspecto. Actualmente, a botica está rexentada polo neto do fundador, que soubo misturar a modernidade do sector co aspecto tradicional que ofrecen tanto o exterior como interior do edificio.


PASTELERÍA SANTOS

Rúa Bispo Aguirre, 1
982 230 310

A Confeitaría Santos, de gran tradición na cidade, sitúase hoxe en día no local que antigamente ocupaba (dende 1945) a Vidraría Lara, da que aínda se conservan as vidrieiras exteriores.